Sunday 05 de May de 2024

Mercedes Rosón secunda a proposta de Ourives de Compostela e reclama a creación dun Museo da Ourivería


Aféalle a Sanmartín que non convoque a Comisión de Seguimento do Plan Estratéxico da Ourivería: “non se entende despois de oito meses gobernando”

O grupo socialista mantivo unha reunión coa Asociación de Ourives de Compostela

Reivindicando o valor histórico e o potencial de futuro da ourivería, o Grupo Socialista propón a creación dun museo permanente na cidade que recolla a tradición que xira arredor dun dos oficios artesanais que máis peso tiveron en Compostela e que se remonta á Idade Media. Mercedes Rosón insiste en que este serviría de escaparate dun “elemento identitario forte da nosa cidade” así como un aliciente para un sector con presente “e sobre todo futuro, ao que hai que darlle apoio para crear máis economía e favorecer a que teña continuidade”.

Explica a edil socialista que a través da ourivería “pódense facer produtos de vangarda e de referencia a nivel mundial”. Logo dunha reunión coa Asociación de Ourives de Compostela, Rosón amosouse tamén especialmente crítica con que o bipartito non convocase, nos xa “máis 8 meses que leva gobernando” a Comisión de Seguimento do Plan Estratéxico da Ourivería: “non se entende” denuncia.

A Comisión de Seguimento -integrada por Concello, Xunta, Deputación, USC e a Asociación- foi creada en febreiro de 2020, logo de presentar o Plan Estratéxico da Ourivería un ano antes, para planificar un “programa ambicioso e eficaz co obxectivo de revitalizar o tecido artesanal e comercial deste oficio tradicional” así como para favorecer ao deseño de iniciativas que favorecesen a posta en valor do seu peso histórico.

Coincide Rosón coa propia asociación no necesario de darlle continuidade á liña de traballo existente no anterior mandato, en colaboración coas diferentes administracións, para impulsar o sector en Compostela, polo que defenderá no pleno do vindeiro mércores unha moción instando ao goberno local a convocar unha reunión da Comisión “na maior brevidade” así como a comezar os traballos para a creación dun museo permanente da historia da ourivería que, recalca, “pode ofrecer tamén espazo a novos artesáns para contribuír á difusión do seu traballo”.